GRANDE EMPRESA
Bonificacións para grandes empresas, superficies comerciais e áreas de comercio mixto ou multiproduto.
O Concello de Narón establece bonificacións de ata o 95% sobre a cota tributaria do ICIO, IBI e IAE cando se certifique a creación de emprego asociada a un investimento, tanto de obra nova como de ampliación ou reforma das instalacións existentes. Segundo a puntuación obtida, as sociedades beneficiaranse dunha bonificación no ICIO. As bonificacións no IBI e IAE surtirán efecto a partir do exercicio seguinte ao do remate das obras ou instalacións obxecto de bonificación no ICIO e manteranse durante os tres primeiros exercicios. Os novos postos de traballo creados que deran dereito á concesión do beneficio fiscal, e que terán que materializarse nos seis meses seguintes ao remate das obras, deberán manterse durante eses tres mesmos períodos impositivos. Ademais, cando menos o 25% dos novos postos de traballo terán que ser de duración indefinida.
O Concello de Narón incluíu no convenio o efecto retroactivo de catro anos destas bonificacións, é dicir, desde 2015, co que todas as empresas que cumpriran os requisitos poderán solicitar a devolución dos importes correspondentes. As empresas interesadas teñen que presentar a través do Rexistro Xeral do Concello unha instancia xenérica na que se solicite as bonificacións destes impostos ao abeiro da iniciativa “Doing Business”. Xunto coa solicitude, deberán achegar unha declaración xurada cos datos dos traballadores e traballadoras contratados nun prazo máximo de seis meses despois do remate das obras, así como a documentación que acredite a solicitude de liquidación do ICIO, na que figure o orzamento de execución material.
Ata 3.000.000,00 € – 1 punto
De 3.000.000,01 a 6.000.000.00 € – 2 puntos
De 6.000.000,01 a 9.000.000.00 € – 3 puntos
De 9.000.000,01 a 12.000.000.00 € – 4 puntos
De 12.000.000,01 a 15.000.000.00 € – 5 puntos
Máis de 15.000.000,01 – 6 puntos